É o lema do XXVIII
Memorial Adolfo Ros-Volta á Ría que se celebrará o vindeiro domingo 1 de
decembro, organizado polo Concello de Fene coa colaboración dos Concellos de
Ferrol, Narón e Neda. O slogan, ideado
polo curso de 6º A do colexio Jorge Juan de Perlío, encabeza este ano o cartaz
da proba, xunto co debuxo realizado pola nena Miriam Pérez Vizoso e o logo de
Ismael Ríos Valencia. Nunha rolda de prensa celebrada este mediodía, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e a
concelleira de Deportes, Rocío
Bértoa, presentaron
o deseño do cartaz e anunciaron que o vindeiro mércores 27 de novembro
inaugurarase no pavillón A Xunqueira de San Valentín -ás 11.00 horas- unha
exposición con todos os debuxos presentados ao concurso para establecer o logo
e o slogan do Adolfo Ros. Neste mesmo acto desveláronse as novidades técnicas e deportivas en relación coa proba.
Ao redor de 400
corredores están apuntados a día de hoxe nesta nova edición do Memorial Adolfo
Ros- Volta á ría. Dende o Concello de Fene amósanse satisfeitos polo bo ritmo
ao que marchan as inscricións, tendo en
conta que o prazo para anotarse non concluirá ata mediados da semana que
ven. Neste senso, Rocío Bértoa lembrou
que as persoas que aínda non se inscribiran poderán facelo ata o xoves 28 de
novembro a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com) ou,
presencialmente, no pavillón A Xunqueira de San Valentín, en horario de 8.00 a
23.00 horas (agás o derradeiro día, o xoves 28 de novembro, no que o horario
será de 8.00 a 19.00 horas). En relación coas inscricións, a concelleira de
Deportes, Rocío Bértoa agradeceu aos colexios de Fene e da comarca o apoio
prestado á organización da carreira, facilitando as inscricións dos pequenos.
Posteriormente, a
entrega de dorsais e chips efectuarase no pavillón A Xunqueira de San Valentín
o sábado 30 de novembro, en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 21.00
horas, ou o mesmo día da carreira (ata media hora antes do comezo da proba).
O XXVIII Memorial
Adolfo Ros celebrarase o domingo 1 de decembro. Os/as participantes da carreira
absoluta tomarán a saída ás once da mañá nas inmediacións do pavillón A
Xunqueira de San Valentín e realizarán un
percorrido de media
maratón (aproximadamente, 21 kilómetros) polos concellos de Fene, Ferrol, Narón
e Neda. A continuación desenvolveranse polo mesmo barrio de San Valentín as
carreiras para as categorías infantís, con distancias que oscilarán entre os
100 metros e os catro quilómetros, en función da idade e da categoría na que se
inscriban os pequenos (biberón, benxamín, alevín, infantil, cadete ou xuvenil).
Segundo explicou a
concelleira Rocío Bértoa, o Concello de Fene está a facer un importante esforzo
para poñer ao Memorial Adolfo Ros ao mesmo nivel que outros grandes eventos
deportivos autonómicos. Por iso, o vindeiro
1 de decembro poranse a disposición dos participantes globos de tempo (para os
corredores que queiran batir a súa marca), ademais de servizos de gardarroupa,
vestiario, balizas en todo o circuito e sinalización en cada kilómetro.
Ademais, Bértoa
asegurou que “este ano se lle quixo dar máis protagonismo ao concello de Fene
como organizador da proba, ampliando o percorrido polo treito urbano do
municipio”. Tamén se modificou o percorrido da carreira, propiciando o paso dos
corredores pola rúa adicada a Adolfo Ros no Concello de Ferrol onde está
previsto que actue un grupo de gaitas ao paso dos corredores. Do mesmo xeito,
ao remate da proba, un grupo de gaitas de Airiños de Fene recibirá aos
participantes na meta. O que se pretende, asegurou a concelleira de Deportes, é
“homenaxear a figura de Adolfo Ros da forma que se merece”.
En canto aos
premios, nesta XXVIII edición do Memorial Adolfo Ros haberá trofeos e lotes de
agasallos facilitados polos patrocinadores para os tres primeiros corredores
que cheguen á meta, tanto na categoría absoluta como na de corredores locais
(residentes en calquera dos catro Concellos organizadores). Nas carreiras de
menores, premiarase cunha medalla a tódolos participantes e haberá trofeos para
os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto en nenos como en nenas
(agás na categoría prebiberón na que só se entregarán medallas).
APOIO AO NAVAL
Na rolda de prensa
celebrada este mediodía o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, amosou a sua
preocupación pola situación que atravesa o naval e o seu apoio ao sector. Neste
senso anunciou que a carreira do vindeiro 1 de decembro "abrirase"
cunha pancarta de apoio o naval. Ademáis, dende a organización convidarase os
participantes a colocarse un distintivo co lema "Polo Naval. O teu valor é
a miña meta"
Fene,
21 de novembro de 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario