A conselleira de
Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego,
asinaron esta mañá un convenio para a construción dunha escola infantil de 41
prazas no devandito municipio. A obra de construción deste novo servizo contará
cun investimento de 410.000 euros.
A nova escola
infantil de Fene, que terá 41 prazas distribuídas en 3 unidades, permitirá
aumentar nun 40 por cento a oferta da Rede A Galiña Azul na localidade, onde xa funciona
outro centro de 61 prazas dende o ano 2007.
En canto á
ubicación, a escola levantarase nunha parcela situada no Camiño de Carril que
foi cedida polo Concello. Tras a sinatura do convenio hoxe, procederase agora a
revisar o proxecto da construción cara a comezar a tramitación do inicio da
obra o antes posible.
O proxecto da
construción dunha nova escola infantil no Concello de Fene enmárcase na aposta
da Xunta de Galicia pola conciliación da vida familiar e laboral, un obxectivo
que na pasada lexislatura deu como froito a posta en marcha de 3.000 prazas
públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario